PROXECTO MAPPING HOSPITALS

Pregunta e Respuesta 30 no Catrasto de Enseada

SOBRE

O proxecto Mapping Hospitals foi iniciado por Estefanía López Salas, profesora no Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Universidade da Coruña, grazas á I Bolsa de Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións, outorgada en Xuño de 2018 pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da Universidade de Santiago de Compostela.

O obxectivo do proxecto inicial era crear un mapa dixital dos hospitais galegos a mediados do século XVIII a través do Catastro do Marqués da Enseada cunha dobre finalidade. Por un lado, queríamos aumentar o coñecemento sobre o número, localización e características das arquitecturas que, a modo de hospitais, hospicios ou posadas, para servizo dos peregrinos que viaxaban a Santiago de Compostela, existían a mediados do século XVIII, dentro dos límites que definen actualmente a comunidade autónoma de Galicia. Por outro, propuxemos facer accesible este coñecemento ao público interesado a través dun recurso web no que se visualizan os resultados alcanzados.

De tódalas fontes de época moderna das que dispoñemos, o proxecto apoiouse no chamado Catastro do Marqués da Enseada. Foi realizado nos anos cincuenta do século XVIII en tódolos territorios que nese momento pertencían á Coroa de Castela, coa finalidade de implantar a chamada Única Contribución, un imposto co que buscaban que cada persoa pagase en función do que realmente tiña. Para alcanzar este propósito, realizouse un exhaustivo traballo de coñecemento, rexistro e avaliación dos bens existentes, así como dos seus donos, habitantes e familias. O primeiro paso estipulado para a elaboración do catastro foi o chamado Interrogatorio. Tratábase dunha enquisa formada por corenta preguntas que se fixeron a todas e cada unha das poboacións da Coroa de Castela. A súa finalidade era a de recompilar unha serie de datos, a nivel municipal, relativos a aspectos moi variados. As respostas a estas cuestións constitúen o primeiro libro do Catastro do Marqués da Enseada, coñecido co nome de Respostas Xerais.

Entre as preguntas efectuadas, a número 30 preocupouse por saber: “Se había hospitais, de que calidade eran, que renda tiñan, e de que se mantiñan”. Por tanto, a través da lectura da resposta dada a esta pregunta para cada unha das poboacións catastradas, temos acceso a un conxunto máis ou menos uniforme de información con respecto ao obxectivo exposto.

O traballo realizado para este primeiro desenrolo do proxecto foi organizado en cinco etapas principais. A primeira delas dedicouse á lectura da resposta á pregunta número 30 para cada poboación catastrada dentro do ámbito xeográfico obxecto de estudo. En segundo lugar, creouse unha base de datos na que se almacenou e estruturou a información recompilada na fase anterior, o que faría posible o seu análise e interpretación na etapa tres do proceso de traballo, así como a súa xeoreferenciación cun SIG nun cuarto paso. En último lugar, procedeuse á execución do mapa dixital no entorno web no que agora te atopas.

O proxecto Mapping Hospitals foi concebido como un traballo de final aberto que, en etapas de desenrolo sucesivas ampliará o ámbito xeográfico obxecto de estudo na súa primeira versión, ata mapear os hospitais de tódolos territorios catastrados no século XVIII na Coroa de Castela. Así mesmo, desenrolos futuros do proxecto serán, esperamos, plantexados para incluir datos obtidos doutras fontes documentais e tamén de diferentes periodos históricos. A nosa intención é non só a de visualizar a rede completa e cambiante dun tipo de arquitectura vinculada aos camiños de peregrinación cara á Santiago de Compostela, senón tamén o ofrecer ao usuario deste sitio web unha nova maneira de interactuar, entender e aprender sobre cada arquitectura individual da rede e sobre a rede como conxunto de arquitecturas interconectadas nun amplio territorio a través das rutas históricas de peregrinación e dos seus usuarios. Cunha interface deseñada a medida, o sitio web de Mapping Hospitals será, esperamos, un medio e unha ferramenta en desenrolo constante cara á novos descubrimentos en torno á hospitalidade e a peregrinación a Santiago de Compostela por medio do análise asistido por ordenador e a presentación web interactiva, aplicadas ao campo de investigación sobre arquitectura histórica.

Estefanía López Salas
estefania.lsalas@udc.es

Data de lanzamento: 27 de Maio de 2020
Última actualización: 4 de Abril de 2021

© 2020 Tódolos dereitos reservados • Estefanía López Salas • Universidade da Coruña • Proxecto financiado pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións en 2018